sábado, 8 de febrero de 2014

"Fotoxornalismo Coruña 2013" na Casa da Cultura de Fene

César Quian

A Casa da Cultura de Fene acollerá durante o mes de febreiro a exposición “Fotoxornalismo Coruña 2013” da Deputación da Coruña, mostra promovida pola Asociación da Prensa da cidade herculina.

A exposición poderá visitarse do 7 ao 19 de febreiro, de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas.

Fotoxornalismo Coruña 2013 recolle 23 instantáneas de recoñecidos profesionais do fotoxornalismo coruñés como Susy Suárez, Andy Pérez, Víctor Echave, Marta Capote, Javier Alborés, Quintana, Mero Barral, Pedro Puig ou Eduardo Pérez, nas que se repasan os acontecementos e personaxes máis representativos do ano 2012 e de parte do 2013. “Observar estas fotografías, mesmo sen ler os textos que as documentan, é meterse de cheo en todo o noticiable que sucedeu nos últimos meses na Coruña e a súa área metropolitana”, salienta o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, no limiar do catálogo da exposición.

O proxecto Fotoxornalismo Coruña naceu no ano 2000 co obxectivo de reunir aos profesionais que desenvolven o seu traballo na cidade da Coruña a través de diarios, revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias, trasladando a través das súas fotografías a realidade e a actualidade.

No hay comentarios: