A sala de exposicións do Mercado Vello das Pontes alberga desde hoxe e ata o 7 de outubro a exposición itinerante coas mellores obras presentadas ó certame de fotografía Luis Ksado.
A Deputación da Coruña convoca este premio, que vai pola súa oitava edición, e tamén é a responsable da mostra itinerante que estará aberta de martes a venres, de 18.00 a 19.30 horas, e os sábados de 11.30 a 13.30.
A serie gañadora do premio, “Kolkata”, corresponde ó fotoxornalista madrileño Javier Arcenillas. Nestas dez instantáneas en cor sepia, retrata a vida nunha leprosería de Calcuta, cuns protagonistas que, a pesar de vivir nunha situación límite, non perden a esperanza.
A exposición conta tamén con outros traballos finalistas do certame.
É o caso de “El muro del Atlántico”, de Juan Medina; “Banca personal”, de Francisco Llop Valero; “Terra de soga e ferro”, de Antonio Deaño; “Circense”, de Roberto Milán; e “Túnel-calle 30”, de Juan Millás Sánchez.
A inauguración celebrarase hoxe ás oito da tarde.
O premio Luis Ksado rende homenaxe a este fotógrafo compostelán e quere recoñecer e apoiar a difusión das artes da imaxe, especialmente no eido fotográfico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario